Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Oleiros colabora con Cruz Vermella na búsqueda de familias acolledoras


Oito familias de Oleiros xa son acolledoras

O Concello de Oleiros iniciou onte unha campaña de captación e búsqueda de familias acolledoras en colaboración con Cruz Vermella. Durante un mes, a través dos distintos medios de comunicación municipais, informarase á veciñanza deste programa que ten como obxectivo captar, seleccionar e formar a familias interesadas en ofrecer o seu apoio a menores que se atopen en situación de desprotección. A difusión realizarase cunha exposición de paneis informativos no centro cultural A Fábrica e na Escola de Danza, con cartelería na maioría dos edificios municipais, con mensaxes nos paneis informativos, presenza na radio municipal, así como difusión do programa a través das redes sociais.

O programa de acollemento familiar consiste en distintas familias ás que confiar o coidado e atención de menores que se atopen nunha situación desprotección porque a familia no pode o facer fronte ao coidado por diversos motivos. Desta forma, evítase que eses menores sexan ingresados en centros dependentes da Administración e dáselles a protección necesaria nun contorno familiar.

Todos os tipos de familia, incluídas as monoparentais, poden ser acolledoras. A súa situación persoal e a súa dispoñibilidade axústanse ás necesidades do menor: así, poden facerse acollementos de día, en períodos estivais, temporais, permanentes… Estas familias deben reunir unhas condicións persoais, educativas e materiais determinadas, polo que o equipo de profesionais que xestiona este programa en Cruz Vermella é quen realiza a valoración da idoneidade desas familias e as apoia, acompaña, asesora e forma en todo o proceso.

Grazas a esta iniciativa os nenos e nenas que se ven separados dos seus contornos familiares poden ter igualmente unha vida familiar natural na que medrar, aprender e recibir o agarimo que axude a desenvolverse plenamente. Actualmente, hai 100 menores da provincia acollidos no proxecto, e un total de 134 familias colaboran co proxecto, 8 delas en Oleiros. Delas, tres están a acoller actualmente e dous o fixeron no Nadal.

Cabe destacar que todos os e as menores da zona de Oleiros que precisaron o acollemento puidérono facer grazas a rede de familias da zona, garantindo que non saian da súa contorna. A principal necesidade a dia de hoxe está no acollemento permanente, xa que hai 26 nenos e nenas de máis de 8 anos que precisan unha familia: estes son os acollementos máis difíciles de conseguir, pero tamén os máis importantes para poder proporcionar un entorno estable ao menor durante a adolescencia.

Este programa desenvólvese desde fai 20 anos na nosa Comunidade Autónoma, depende dos Servizos de Protección de Menores da Xunta de Galicia e a súa xestión a realiza dende os seus inicios Cruz Vermella.

O Concello de Oleiros sempre apoiou este programa colaborando nas distintas campañas de promoción e difusión que se fan, sendo o de Oleiros un dos concellos máis solidarios e os que presenta un maior número de familias acolledoras de toda a provincia.

Todas as persoas interesadas en participar neste programa ou ter unha maior información poden contactar con teléfono de atención ao veciño 981 610 000 ou co equipo de familias acolledoras de Cruz Vermella no 900 812 880.